Friday 17 de May de 2024

Volven as visitas guiadas á Biblioteca Rego da Balsa para a rapazada de 6º de educación infantil e 1º de primaria


Dous grupos do CEIP Fogar abriron as actividades, que se prolongarán toda a semana ata completar todos os centros do concello

Un total de 560 escolares de 6º curso de educación infantil (5 anos) e 1º de primaria (6 anos) participarán nos vindeiros días no programa de visitas guiadas á Biblioteca Rego da Balsa, unha iniciativa da Concellaría de Cultura para que as nenas e os nenos empecen a familiarizarse con este recurso cultural, único na Costa da Morte.

Alumnos e alumnas dos colexios Bergantiños, Fogar, A Cristina, San Luís Romero, Artai, Gándara-Sofán, Nétoma-Razo e CRA Ponte da Pedra participarán nunha actividade duns 45-50 minutos de duración que inclúe unha visita guiada pola zona infantil e unha función de contacontos cos Ratos de Lonxedetodo da compañía teatral Trinketrinke. As sesións comezaron hoxe cos dous primeiros grupos do CEIP Fogar e continuarán nos vindeiros días ata completar todos os centros.

Outras propostas

A Biblioteca Rego da Balsa comezou o curso este mes con dúas actividades para bebés de 6 meses a 3 anos de idade que resultaron todo un éxito, e xa estamos preparando as habituais sesións quincenais da compañía Trinketrinke, que volverá en novembro para acompañar á cativada de 4 a 8 anos ao longo do curso coas historias para contar e cantar dos Ratos de Lonxedetodo. Permanecede atentos e atentas á programación!